A escuridade e ocultamento que pairaban nos anos da miña infancia e adolescencia sobre o acontecido no período anterior á guerra civil e os comezos desta, sobre as persoas que tiveran protagonismo destacado, sobre as súas loitas e sofremento, cando non sobre a súa desaparición física, leváronme a pescudar nesa breve etapa de esperanza para moitos que foi a II República, e no corte traumático do golpe militar e guerra civil (lonxe do noso territorio) sofrida aquí como retagarda coa salvaxe e desproporcionada represión que levaron a cabo os fascistas do conglomerado militar-civil sublevado, unha vez que se impuxeron pola forza das armas e o terror.
Froito dese traballo minucioso de anos, de pescudar en múltiples fontes documentais e hemerográficas, de conversar días e días con testemu ñas directas dos feitos ou cos seus familiares, foron saíndo pequenos arti gos e monografías de certa extensión que viron a luz entre os anos 1985 e 1992, sempre coa idea central dun estudo sistemático sobre a etapa da II República en Betanzos, que abranguera todos os aspectos socio-económicos, políticos e sindicais. [Fragmento do Limiar]