Pescudar e amosar as raíces do antifeminismo é, despois de todo, unha tarefa fundamental. É problematizar, peneirar todo aquilo que nos vén dado como algo natural e que xustifica a inferioridade, a secundariedade ou a exclusión das mulleres nos diferentes ámbitos públicos. é cuestionar os estereotipos, os tópicos, os lugares comúns e afacerse a pensar doutra maneira. Esta empresa non é doada, séculos de tradición e de naturalización daquilo que é froito da construción social e cultural pesan moito. A relixión e a familia foron e son dous elementos fulcrais na produción e reprodución do antifeminismo, ámbolos dous son obxecto do exame crítico do poder e da dominación masculina que leva a cabo Chao Rego, da que, ao longo dos capítulos que compoñen este libro, imos descubrindo o seu tramado, a súa simbólica. María X. Agra (do Limiar). [Contracapa do libro]