Puntuación: 2.1/5 (33 votos)
Desde que foi publicada en 1931,"As ondas" é unha desas novelas que non deixa de engaiolar as lectoras e lectores pola fondura e sutileza coa que penetra na experiencia humana. Virginia Woolf logrou condensar nela gran parte desa vida que, en verbas escritas por Otero Pedrayo en "Devalar", flúe nas "intensas avenidas do xardín interior". Traducida agora por primeira vez para o galego, aparece na colección Clásicos Universais, publicada por Editorial Galaxia en colaboración coa Fundación Caixa GaIicia.
A carón de "Mrs. Dalloway" e "Cara ao faro", as outras dúas novelas centrais da obra de Virginia Woolf, "As ondas" consegue expresar coa meirande intensidade e beleza a complexidade da experiencia humana. A novela acada unha forma de narrar que racha os arquetipos literarios, descu- brindo unha linguaxe nova, aberta ás sensacións e ás emocións pero sen perder a capacidade de reflexión, a ironía e o pulo narrativo das grandes obras.
A vida dun grupo de amigos, desde a infancia ata a mocidade e a idade adulta, centra a historia que Virginia Woolf conta dunha maneira diferente e nada convencional. A escritora pescuda nas relacións entre a vida individual e os condicionamentos dunha sociedade e dun tempo: as arelas, os triunfos e tamén os fracasos, a sensación de unidade a carón da de illamento, o pasado e o presente como eixo da procura do senso da vida. A escritora inglesa, con quen Ramón Otero Pedrayo dialoga na súa novela "Devalar", logra atinguir unha prosa chea de matices e tonalidades, cunha expresión sensitiva fóra do común, para condensar nunha obra de ficción a experiencia humana nas súas facetas múltiples e contraditorias.
[Presentación editorial]