Puntuación: 2.0/5 (36 votos)
Coa publicación do primeiro volume das narracións completas de Franz Kafka, un dos autores máis orixinais e inclasificables da literatura do século XX, Editorial Galaxia continúa o programa da colección Clásicos Universais, dedicada a editar en galego as obras fundamentais da historia da literatura. En tradución realizada directamente do alemán por Luís Femández, "Un médico de aldea" reúne todas as narracións escritas por Kafka ata o ano 1917, nunha coidada edición publicada en colaboración coa Fundación Caixa Galicia. O segundo volume, co que todos os relatos de Kafka quedarán ao dispor dos lectores e lectoras galegos, ha ver luz o ano próximo.
O universo narrativo de Franz Kafka sorpréndenos ao reparar en aspectos inusitados da existencia. A súa obra literaria é unha das de maior prestixio e marcou a evolución da narrativa durante todo o século xx. A influencia de Kafka non se limita, así e todo, ao eido da literatura, senón que chega ao ámbito do pensamento e a filosofía. A súa concepción da escrita caracterízase por unha esixencia de fluidez na que, segundo o escritor, "todo pode ser escrito; todas as ideas, non importa o insólitas que sexan, aparecen dispoñibles para un gran lume no que se consumen e renacen".
"Un médico de aldea" toma o título dun dos tres libros de relatos que Kafka publicou en vida. Neste primeiro volume das narracións completas inclúense todos os relatos, tanto os publicados por el coma os que deixou inéditos, escritos polo autor de Praga ata 1917, data na que Kafka cae enfermo de tuberculose. Nese mesmo ano Kafka aínda escribiría media ducia máis de brevísimas narracións; pero, logo, deica 1920, seguiría un prolongado silencio. As narracións apa- recen nesta edición ordenadas cronoloxicamente segundo o momento no que foron escritas; o lector ou lectora pode consultar a datación que xustifica a orde cronolóxica nas notas finais. Dese xeito pódese seguir doadamente a evolución da narrativa de Kafka ao longo deste e do seguinte volume, que se ha publicar o vindeiro ano.
[Presentación editorial]