Puntuación: 2.3/5 (58 votos)
Gañador da última edición do Premio Torrente Ballester de Narrativa, Xesús Constela Doce propón en "As humanas proporcións" un achegamento narrativo, desde a imaxinación creadora dun eficaz fabulador, ás distintas facianas da vida dos homes e mulleres. En verbas do crítico Xosé Antonio Ponte Far, este libro de relatos é «unha proposta arriscada, moderna, resolta atinadamente e con raíces na narrativa de sempre».
O Premio Torrente Ballester, concedido pola Deputación da Coruña a unha obra narrativa en galego ou castelán, ten entre a nómina de gañadores autores coma Manuel Rivas, Xosé Carlos Caneiro e Víctor F. Freixanes. Con "As humanas proporcións", libro de relatos de Xesús Constela Doce, descóbrese un autor inédito ata o de agora. O libro, que obtivo o premio na súa última edición, nace do vencello farturento entre literatura e imaxinación creadora. Nel xorde un novo territorio narrativo para a literatura galega, cunha linguaxe diferente, arriscada e efectiva, que engaiola e convence co poder dun gran fabulador.
Xesús Constela Doce descobre unha dimensión nova do mundo cotián. O seu xeito de narrar sufíncase na realidade inmediata para, con inusitada imaxinación, desvelar novas perspectivas narrativas en ámbitos moi variados da vida humana. "As humanas proporcións" configuran unha proposta literaria que ha sorprender o lector ou lectora pola súa facilidade para desmontar as convencións e tópicos mediante un estilo directo e orixinal.
[Presentación editorial]