Con esta obra, Román Rodríguez, profesor de Análise Xeográfica Rexional na USC, pon sobre a mesa un exercicio autocrítico e atrevido no que evidencia a fonda crise pola que atravesa a Xeografía, a súa escasa presenza na sociedade, a dispersión dos seus contidos, a caída constante de alumnos e a súa débil formación técnica.
Pero a pretensión de Rodríguez non só é a de ser un mero transcriptor dos "males" que afectan á Xeografía senón achegar a súa visión persoal sobre o futuro da disciplina, un futuro que pasa por “proporcionar métodos e instrumentos que posibiliten a operatividade do xeógrafo na ordenación do territorio”, abandonando a formación clásica excesivamente teórica e optando por unha moito máis pragmática que lles ofreza aos futuros xeógrafos unha oportunidade no eido laboral. [Presentación editorial]