Premio Viadutos de Novela 2018
Ninguén fai unha carreira para limpar inodoros. Olivia, despois dun expediente brillante ten que marchar de Compostela e instalarse en londres onde atopa traballo de ou pair nunha familia de clase media. Sempre lle dixeron que lle iría ben se se esforzaba, se estudaba unha carreira de ciencias, se seguía as regras establecidas e agora sente que o que lle ensinaron é unha grande estafa tanto no eido laboral como no persoal. O móbil e as redes sociais conéctana coa súa vida anterior, mentres se perde nunha cidade de oito millóns de persoas, soa, cun coñecemento precario de inglés e limpando unha casa e un laboratorio, en lugar de traballar nel. A primeira persoa que se preocupa por ela aparece ao día seguinte nos xornais despois dun accidente na estación de tren de Croydon. Samuel foi unha casualidade nun deses días solitarios en que Olivia visita o Museo Británico. Un rapaz que se lle achega, que a fai sentir ben e que toma unha decisión para a que ela precisa respostas. Unha novela da vida que nos di que un simple aceno pode desencadear unha metamorfose. E que pasa cando isto sucede? [Presentación editorial]