Puntuación: 1.7/5 (78 votos)
Esta obra de Antonio Sandoval, coa que comeza a colección Vitamina N, é unha nova aproximación á Torre de Hércules e á súa contorna dende unha visión polisémica do monumento e do territorio que o acolle. A través dun paseo nun día de abril, desde antes do amencer ata a caída da noite, o autor vai coleccionando sensacións, descricións da natureza, relatos históricos e míticos, reflexións de actualidade e consideracións sobre como debe cambiar a forma na que a nosa especie valora e se relaciona coa biodiversidade.
A verdadeira pregunta non é quen son, senón onde estou, afirma Sandoval, que vai debullando exploracións personais da xeografía da contorna da Torre, o mar que a rodea, as formas das nubes, a flora, a fauna, e sobre todo as aves... Todo isto mestúrase con narracións que teñen alí o seu escenario: a conquista de Irlanda polos Milesios recollida nos textos medievais irlandeses, e as súas consecuencias históricas nos séculos XVI, XVII e no Rexurdimento. Con esa panorámica e axudado polos recentes descubrimentos xenéticos e paleontolóxicos, pregúntase pola condición humana. Tamén reflexiona sobre o presente: o mundo dixital, o impacto das redes sociais ou a crise de valores. E non faltan alusións ás mareas negras que afectaron a costa, as lendas ou episodios da historia recente.
O monumento da Torre de Hércules -Patrimonio da Humanidade dende 2009- é o fío condutor do relato na súa condición de faro, referente arquitectónico da antigüidade e icona dun espazo sobresaínte onde mesmo se teñen achado varios petróglifos.