A colección ¿E que? vai dirixida a lectores de oito anos en diante e ten como obxectivo presentar situacións da vida cotiá abordadas con sentido do humor, imaxinación e capacidade desdramatizadora. Toda unha gran diversidade de situacións contada con orixinalidade, a literatura como xeito de introducir o lector infantil nos problemas reais, entre os que se inclúen diversidade de temas coma as discapacidades psíquicas, a ruptura da parella, os celos entre irmás, etc.
Unha nena chinesa chamada Lu é a protagonista de “Eu son adoptada, ¿e que?”, conto escrito por Xosé A. Neira Cruz, A historia comeza cando na escola de Lu se propoñen facer a árbore xenealóxica das familias dos nenos; a cativa chinesa chega á casa e, nunha conversa cos pais adoptivos, xorde o problema de como encher as ponlas da árbore, O libro consegue enfocar con absoluta normalidade o feito de que Lu non só teña pais en Galicia senón que tamén teña outros na China; as situacións e a trama van presentando paseniñamente toda a problemática da adopción, resolvéndoa con imaxinación e sen que en ningún momento decaia o interese da lectura. [Presentación editorial]