Miguel Anxo Femán Vello, un dos poetas da xeración dos oitenta con maior proxección na literatura galega actual, publica un libro novo na colección Dombate de Editorial Galaxia.
“Territorio da desaparición” reúne o traballo de creación desenvolvido polo autor durante os últimos anos, o poemario é unha chamada á resistencia a través da palabra, que na obra de Fernán Vello é o lugar da emoción pero tamén da loita contra o esquecemento.
O libro é o primeiro publicado por Miguel Anxo Fernán Vello desque, no ano 1996, publicara “As certezas do clima”. Co título de “Territorio da desaparición”, o poeta fai unha chamada a prol da esperanza nun tempo de desacougo e lenta descomposición das arelas de progreso ao que a poesía non debe permanecer indiferente. Inmigrantes, exiliados e repatriados constitúense en protagonistas dun territorio no que a derrota e a ameaza do baleiro pretenden impoñerse e no que os poetas “sobreviven na voz impenetrábel da paciencia”. Nese mesmo espazo metafórico e literario, a escritura do propio poema acaba por ser a auténtica esperanza.
Miguel Anxo Fernán Vello traza os lindes poéticos dun territorio ermo cada vez máis presente no noso tempo. A súa voz, unha das máis singulares da poesía galega contemporánea, teima na poesía como palabra que nos esperta e outorga ás cousas unha verdade firme e necesaria. [Presentación editorial]