María Victoria Moreno, entre a literatura e a vida
Escritora, profesora, conferenciante e impulsora de diferentes iniciativas culturais. María Victoria Moreno foi unha muller con facetas moi diversas e cunha capacidade sorprendente para adiantarse ao tempo que lle tocou vivir. Cun estilo áxil, que combina a investigación das fontes co relato biográfico e a análise da obra literaria. Montse Pena achéganos en A voz insurrecta unha biografía en que a vida da autora homenaxeada no Día das Letras Galegas de 2018 queda reflectida tal cal era: chea de elementos cotiáns mais tamén coas reviravoltas propias dunha novela. A súa procedencia estremeña e a capacidade de asumir o galego como lingua propia, a entrega constante nas aulas e o compromiso adquirido coa literatura infantil e xuvenil galega, aínda incipiente cando comeza a escribir, trazan o singular perfil da muller comprometida que quería deixar "un ronsel de amor, un bo exemplo e un libro que descubra algo a quen o lea". [Presentación editorial]