Doroteo Acuña, policía xubilado, recibe na cidade da Coruña, onde reside, unhas enigmáticas postais enviadas desde Roma polo seu vello amigo e antigo xornalista Francisco Bouzón. Acuña e Bouzón forxaran a súa amizade moitos anos antes, en pleno franquismo, mentres indagaban un escuro suceso nunha vila mariñeira da costa galega. Radia Ludescu, un profesor romanés refuxiado en España e protexido da Falanxe, o cego Luís Ruzo e o falanxista Paco, que tiveran algo que ver naquel suceso, reaparecen case corenta anos despois en Roma para abrir un novo caso no que se mesturan o achado dun vello papiro, crenzas esotéricas e unha posible conxura político-relixiosa. Doroteo Acuña, coa insólita colaboración dunha singular monxa, vaise ver envolto nese enredo, malia estar seguro, desde o primeiro momento, de que a súa solución está fóra do alcance dun tranquilo policía xubilado. [Presentación editorial]