Unha barra de labios que volve tolas as rapazas. Uns calzóns que proporcionan calidades prodixiosas a quen os pon. O esterco dun xardineiro afeccionado que produce unha praga de moscas. Unha cola milagrosa que, despois de catro horas, deixa de funcionar. Un esqueleto no retrete e ósos que camiñan pola praia... ¡Vaiche boa! Prepárate e verás: estas alucinantes historias hai que gozalas con cautela porque... ¡coidado! producen adicción á lectura.
Este libro, que volve aparecer no prelo de Galaxia, xa demostrou que sabe facer lectores, e que os lectores gozan cos relatos que contén ata o punto de pediren máis. Os medos da infancia, todos os interrogantes que caben na cabeza dun rapaz, as teimas dos adultos, as pequenas incapacidades, os primeiros fracasos configuran, neste volume, un conxunto ben aderezado co humorismo e a axilidade narrativa que son características na obra do autor, o inglés afincado en Australia Paul Jennings. O volume conta coas magníficas ilustracións de Kiki da Silva, que nos regala para esta edición cunha soberbia ilustración de cuberta realizada en técnica tridimensional.