Puntuación: 2.1/5 (49 votos)
"Un chapeu de palla italiana" é unha comedia en cinco actos en prosa mesturada de estrofas a modo de coplas ou cancións de Eugène Labiche (1815-1888) e Marc-Michel (1812- 1868), creada e representada por primeira vez en París no Teatro de la Montansier (antigo Teatro Palais-Royal) o 14 de agosto de 1851 e publicada polos irmáns Michel Lévy nese mesmo ano.
O mundo de Labiche, do mesmo xeito que o mundo de Balzac, é un mundo deformado pola visión do seu creador, un mundo que existe segundo as súas propias leis, un mundo auténtico, onde as personaxes non son caricaturas, senón máis ben retratos. Labiche soubo pintar os seus contemporáneos a través deles mesmos, cunha grande clarividencia, sen defectos e cunha exactitude que corroboran na actualidade os seus críticos, historiadores, cronistas e novelistas.
Labiche coñece moi ben os burgueses da súa época porque foi testemuña da súa evolución, da súa ascensión e dos seus éxitos. O autor, que procede tamén dunha familia burguesa e ben acomodada, soubo retratarse a si mesmo de xeito intelixente. Consciente dos defectos da súa clase social, Labiche soubo ter o suficiente espírito crítico como para retratala con lucidez e co necesario distanciamento. Evitando emitir xuízos de valor, Labiche debuxa e perfila as súas personaxes con mestría, non acusa nin sentencia, e deixa o lector que decida por si mesmo, que sexa espectador e tire da representación as conclusións que considere oportunas. (Da 'lntrodución' de Ana luna Alonso)
[lapela do libro]