Puntuación: 2.1/5 (40 votos)
A colección Literaria de Editorial Galaxia propón desta volta aos lectores e lectoras "Reserva especial", de Xosé Manuel G. Trigo. Un libro de relatos que é unha iniciación no amor e na amizade realizada da man de experiencias relacionadas co viño, cos bares de sempre e coa vida a carón das viñas. Sentimentos e humor punteados de ironía nun libro de ficción que vai á procura dos sabores e recendos que acaban por constituír os praceres da existencia.
Desde as primeiras chiscadelas do amor e o asombro ante a beleza ata a camaradería espontánea nada ao carón da barra dun bar, nestes relatos Xosé Manuel G. Trigo recrea vivencias enfiadas arredor da cultura do viño. Poderíase dicir que este é un libro sobre o amor, tamén un libro sobre a amizade. "Reserva especial" é un convite para gozar dos momentos memorables, aqueles que fican agachados nalgures para, de súpeto, xurdir asociados a un olor, un sabor, unha canción ou unha paisaxe. Constitúen a esencia dese auténtico triángulo sentimental -viño, amizade, amor- que subministra as necesarias reservas para lle facer fronte ao paso do tempo.
Os relatos de Trigo acaban por debuxar o percorrido sentimental dun personaxe, o narrador, que nos envolve nunha prosa chea de matices, da que xorden experiencias asociadas á lembranza de diferentes tipos de viño e de historias relacionados co seu cultivo ou cos lugares onde se conserva e se gorenta. Dun a outro relato, vaise trazando o retrato dun tempo e dunha xeografía que o lector ou lectora ha acabar por facer seus. É a consecuencia da arte literaria, que o autor sabe dosificar en gulapos saborosos ao longo de toda esta "Reserva especial" da que, a partir de agora, tamén imos ser catadores privilexiados.
[presentación editorial]