Puntuación: 2.2/5 (48 votos)
Cincuenta anos dan para moito no mundo das verbenas. Todas as historias que nel foron e serán non se poderían contar co limitado tempo de vida dun ser humano. Tampouco os desacougos, os infortunios, o insomnio e os milleiros de quilómetros ás costas se poderían narrar con xustiza nun feixe de páxinas.
Derradeiro bis en catro-corenta é unha ficción feita con retallos de realidade. Esta novela combina as visións e as vidas de múltiples personaxes involucrados no tecido do ocio estival galego, desde o músico que ollou ao longo dos últimos cincuenta anos a auxe e a decadencia das verbenas, até o cantante de moda, que sae á escena acelerado pola cocaína.
Ás veces os cadros son crus, ás veces, desacougantes, surrealistas por momentos. Algúns mesmo nos fan sorrir, case sempre amargamente.
Todos os personaxes e historias deste crebacabezas son pura ficción, malia que moitos dos que vivimos as interminábeis noites de verán e os amañeceres na estrada, rumbo a outro lugar, nos veremos reflexados, cando menos, nalgún momento.
[Presentación editorial]