Puntuación: 2.3/5 (69 votos)
Nas vidas anónimas, nesas vidas de persoas nas que a existencia se realiza no imperceptible transcorrer dos anos, dos meses e dos días, na raíz desas vidas ocúltase a épica calada, silenciosa (e moitas veces silenciada) de quen vive con intensidade cada segundo dado. Delourando os días reflicte a transversal desas vidas, por todos vividas, na núa magnificencia da privacidade compartida, desde secretas liñas de fuga; transversal de existencias nas que a paixón non cesa, malia a dor ou o sufrimento. José Lorenzo Tomé (Guitiriz, 1954) arma nesta novela delicadamente cotiá (como un sereno murmurio de mar no serán) a historia de seres entregados a unha incesante procura, desde a filosofía á historia, a natureza ou a política, sen abandonar nunca a contemplación asombrada do río da vida, fluíndo ao través de nós, en meandros que se abren con rapidez para logo fecharse abruptamente e, de novo, sen darnos tempos a alentar, un pouquiño máis adiante, irromper expansivos nunha apertura aínda maior que a anterior. Unha crónica novelada necesaria da transición xeracional dunha Galicia que vai desde as mobilizacións estudantís compostelás dos 70 ao afundimento do Prestige. Un libro para pensar o noso presente e aprender a lembrar o pasado, sen nunca perder de vista a luz esperanzada que a utopía nos dá.
[Presentación editorial]