Nunha vila islandesa, catro irmáns e o seu pai viúvo velan o corpo inerte de Jóhanna. Coa morte da última das mulleres da familia, os homes parecen destinados a se reuniren con elas no ceo, onde frecuentan a Hemingway e Leonardo da Vinci arredor dun Bacardi para observar os vivos. Baixo a mirada distante do mozo Högni, e a través de diálogos ricos en frases sentenciosas, asisten a un universo carnavalesco no que o mundo dos defuntos semella máis real ca o dos vivos.
Meu amor, eu morro gañou o Premio Cultural DV de Literatura e foi candidata ao Premio Literario do Consello Nórdico en 1999. Ómarsdóttir alterna tons cálidos e fríos para compoñer unha narración poética impregnada dun peculiar sentido do humor. [Presentación editorial]