O famoso escritor Simón Carrera pasa as vacacións de agosto en Riparia, unha illa pequena, onde os seus poucos habitantes están acostumados a convivir coas pantasmas. Dende a primeira noite na casa solitaria dos catro camiños, que alugou a Cacabi, o alcalde e cacique do pobo, descubrirá o rostro dun aforcado que se disolve na penumbra da madrugada. Aquela casa, onde o Simón pretendía tecer o argumento da súa nova novela, gárdalle unha historia tráxica e inquedante que se nega a ser borrada da memoria do tempo. “Caderno de Riparia” de Xosé A. Perozo, obra gañadora do Premio de Novela por entregas de la Voz de Galicia 2003, é unha engaiolante narración de intriga que esculca os labirintos da memoria e as feridas dos acontecementos daqueloutro verán de 1936. Unha novela fascinante onde se mesturan as pantasmas, as sombras e os pesadelos dun lugar maldito co sol do verán sobre un mar largacío que ilumina a descuberta dun vello segredo. [presentación editorial]