Puntuación: 2.2/5 (63 votos)
Ao horizonte fáltalle un anaquiño
á dereita de onde se pon o sol.
Por ese oco saltan os peixes
e as botellas que esconden mensaxes secretas.
Un pirata vive obsesionado coa idea de descubrir que se esconde detrás do horizonte. Nin as novas aventuras, nin as batallas, nin o xogo do "zapatiño quieto é", co que a miúdo se entretén para paliar as horas mortas, distráenlle da súa obsesión.
Para pescudalo, un día emprende unha longa e dura viaxe ata o fin do mundo. A medida que se vai achegando pensa que, no fondo, afástase máis del. Entón, decide xogar co horizonte a ese xogo ao que está tan afeito: "unha, dúas, tres, zapatiño quieto é".
Por fin sénteo máis cerca e pode asomarse a contemplar o que hai detrás. Desde ese día, volve todas as semanas para xogar co horizonte que, agradecido, regálalle un anaquiño.
Na súa terceira colaboración con OQO editora, logo de Taller de corazóns e Zimbo, o autor Arturo Abad articula un relato en torno a dúas ideas:
-O universo réxese por unhas normas que deben ser respectadas.
-Todos temos a necesidade de alcanzar os nosos soños por imposibles que parezan.
Para axuntar os dous conceptos, Abad propón xogar coas regras para conseguir a nosa meta: "hai moitas regras e algunhas poden supeditarse a outras, segundo o noso criterio. E confirma que non se pode alcanzar o horizonte, certo, pero tampouco che podes saltar as regras do "zapatiño quieto é". Á hora de elixir, para un neno é máis importante o xogo que a realidade".
[Presentación editorial]