Puntuación: 2.3/5 (15 votos)
En Gómez Alfaro é moi certo o poema castelán, misterioso e brillante, que di con lexítimo arruallo: "Yo no digo mi canción /sino a quien conmigo va". Ora, non se apure o lector ventureiro que ata agora non teña entrado na poética deste autor que axiña verá o doado que resulta facerse cómplice del, de canto pronuncia con voz riquísima, dona de múltiples rexistros, arrolada por unha grandísima mestría léxica, que se nun principio tampouco é demostrativa de nada (¡ai do escritor que soamente dispoña dun amplo arquivo sonoro!) cando vai acompañada do concepto cabal que aquí está devén en aspecto decisivo.
O concepto de "O clamor da eclipse" é, como axiña entenderá quen del baixe a beber, erótico. Primeiro desde o fascinio, despois a partir do desamor; as dúas liñas mestras ou trabes nas que se fundamenta a última entrega poética de Gómez Alfaro. O fascinio, a hipnotización son, ou deberan ser, a primeira fase pola que pasa o amor comme il faut. Que a experiencia é inefable xa o sabían os místicos e por iso tiñan que botar man da linguaxe común ou convencional para que a nao andase mar adiante. Logo acontece que certas experiencias de puro sabidas precisan de palabras, expresións, figuras, archicoñecidas e sen un autor perito nestes ámbitos e que sexa quen de inspirar autenticidade o naufraxio está agardando con aviso -ademais- previo. Cómpre entón que o poeta consiga transmitir música crible; aquí non vale tanxer con habilidade senón que o ritmo interior do poema feito ceme chegue ao lector e que este sinta como propia a experiencia allea. É dicir , que quen segue o poema erótico sexa de verdade un voyeur, un mirón, un espiatrucos, conmovido por canto vai sentindo por mor da poética allea que agora ten que ser máis que nunca ollada. Górnez Alfaro consegue este delicado obxectivo porque no seu esforzo hai beleza e -xa se dixo- autenticidade, aspectos ambos decisivos á hora de tecer poesía erótica, sobre todo cando esta parte do fascinio, da hipnotización dos que toman parte no xogo.. Sendo o lector o terceiro na lide. Por aí a sección primeira do libro, a chamada Albor, na que Gómez Alfaro verte todo o contido dunha xerra de plenitudes. Despois aparece unha segunda sección chamada Solpor que é xustamente a outra face da moeda. Por suposto que eu non sei, é pois esta poesía non é anecdótica sospeito que irnos ficar na meirande das dúbidas, se a muller que inspira a fase plena é a mesma que pon motor ou ceme á despedida. En todo caso ambas tomas de posturas semellan complementarias porque -!que lle irnos facer!- non hai amor sen desamor ou á inversa, e a maior abondamento xa deixara dito o mestre Aragon que Il n'ya pas d'amour hereux. E se o hai mellor para quen o deguste na súa totalidade. Como Gómez Alfaro, a súa poesía, non son abusivos -tampouco excesivamente pletóricos- vén moi a conto esta contraprestación en clave de desamor que é Solpor. Á que eu, por lle poñer algunha obxección e que non pareza que estas palabras previas son un Vivacartaxena, que ben poderían selo pero nin a honestidade de Gómez Alfaro ía consentilo nin eu estou para templar gaitas, diría que boto en falla un pouco de sentimento bolerístico, digamos, ou de tango malevo para tanta dor, para tanto sentimento de anguria diante do ermo provocado polo desamor . Que iso é amor e quen o probou o sabe como dixera o clásico. E a propósito de clásicos eis precisamente o que boia nos poemas feridos/ferintes de Gómez Alfaro, clasicidade, cando de noite todos os gatos son pardos e ás veces presta moito -a min como lector ao menos- un exabrupto coloquial, un verso de canción sentimental e lonxana.
[fragmento do limiar de Vicente Araguas]Esta obra obtivo no ano 2004 o XX Premio de Poesía Cidade de Ourense.