Historias reais escritas en principio como columnas de prensa.
Un portaavións fabricado cunha aliaxe do metal fundido nas Torres Xemelgas, unha factoría de chalecos antibalas onde se dispara contra os traballadores para probas o xénero, un padriño da mafia afeccionado á música do Padriño de Coppola... Son algunhas das historias reais que nos contan estas páxinas de Miguel Anxo Murado, escritas en principio como columnas de prensa pero concibidas desde a perspectiva do escritor máis que do xornalista.
O lector atopará aquí non tanto opinións como parábolas, paradoxos e reflexións sobre asuntos tales como a relación entre as epidemias e a solidariedade, os inconvenientes de abolición do Purgatorio ou o carácter máxico das mans dos políticos. Notas, en definitiva, arredor da actualidade e a vida que, como di o autor, "é como o emblema do teatro: unha máscara que ri e outra que chora". [Presentación editorial]