Puntuación: 1.8/5 (40 votos)
Participa Miguel Mato Fondo no espectáculo arborescente da cultura universal, Yeats nunha mariña que parece de Avilés, Basho en contraponto con Pondal sobre a lámina acuática de Ponteceso, a soidade de Trakl no "Navy Bar" de Manuel Antonio, o poema de Rimbaud nun pub de Corme, antropoloxía cósmica de Galiza en perspectiva de multiculturalidade polifacética, o jazz en diálogo co cine, a poesía a conversar coa pintura, os libros de caza en tertulia cos volumes de historia. Pertence este poeta ao colectivo insumiso dos culturalistas, esa inqueda irmandade que tanto incomoda aos incultos. A cultura, a paixón da verdade escrita e cantada, lida con luz de arte visual e memoria histórica, é razón de vida inevitábel, "fera e orgullosa compaña / de horas foscas". Na biblioteca de Miguel, derradeira estancia da casa chamada "O whiskey na barrica", magnífico edificio a sobrancear entre as novas construcións da cidade poética galega, vibran fragmentos da súa existencia en que nos podemos recoñecer. Fronte aos estantes de tantos anos de viaxe soña o poeta "nunha fuga cara algures." Eu desexo que a soñada singradura trace a rota do seguinte libro, outro licor de denso corpo, atemperada cor transparente e feliz arrecendo de paixón verdadeira, marca da casa, sinal de identidade das adegas Mato Fondo. Teño sede do segundo whiskey.
[fragmento da introdución de Xosé María Álvarez Caccamo]
"O whiskey na barrica" de Miguel Mato Fondo obtivo no ano 2004 o IV Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño organizado polo Concello de Sarria e a Agrupación Cultural Ergueitos.