Puntuación: 1.6/5 (67 votos)
Ó abeiro do proxecto de Narrativa Recuperada que se desenvolve no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, e a xeito de colofón do traballo xa realizado nunha representativa serie de títulos, presentamos agora, neste groso volume recompilatorio -Narradores ocasionais do século XIX (Relato breve)- as narracións curtas dunha longa nómina de autores que só ocasionalmente ofreceron algunhas mostras no eido do relato breve. Trátase de textos espallados por páxinas de revistas e xornais e hoxe de dificil acceso, reunidos agora por vez primeira.
Considerouse, por parte dos responsables do proxecto, que para a edición deste conxunto de autores --edición para a que aínda era preciso un certo esforzo investigador- viña moi ben a configuración dun equipo suficiente que fose capaz, no menor tempo posible, de levar a bo porto este traballo. De tal maneira, ese equipo, coordinado polo profesor Modesto Hermida, constituíuse con todos os estudiosos que, no seu día, foran responsables da edición dalgún dos títulos xa publicados.
O froito deste esforzo é o libro que tes nas mans, lector; un compendio de pezas narrativas breves, de desigual calidade pero de coñecemento imprescindible para os interesados no tema, así como a información sobre ese ben poboado núcleo de autores, na súa maioría pouco coñecidos, de todo descoñecidos nalgún caso, dos que se dá noticia máis ou menos cumprída segundo resultaron os esforzos da investigación. Daqueles escasos personaxes que alcanzaron notoriedade por motivos alleos á súa creatividade como narradores, tan só se facilita unha síntese biobibliográfica.
En todo caso, é unha satísfacción para a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria achegar, outra volta, esta nova publicación, chea de minuciosa información, que lIe pon vizoso ramallete á primeira xeira do proxecto Narrativa Recuperada.
[Presentación de Celso Currás Fernández Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria]