Entre a lírica e a épica, entre o canto e a elexía,
“Espiral de sombras” explora a luz e a escuridade dunha utopía incumprida: “Somos da mesma raíz que a terra e as palabras…” Desde as orixes, pasando pola historia e polos seus avatares, Xavier Seoane indaga na tensión entre o que xa foi e o que pelexa por ser, nun contexto de globalización imparable que trae ata o presente as ameazas da perda e da demolición:
“Levántate, país de tódolos abraios, / de tódalas desfeitas…”
Coa paixón e co ritmo como armas e cunha vigorosa imaxinaría, este libro é unha navegación por territorios espaciais e humanos, paisaxes e memorias, tanto materiais como inmateriais.
Unha viaxe, tamén, por unha civilización atlántica
-á que se incorporan os nomes de escritores, artistas, editores contemporáneos- que abala entre a liberdade e a dependencia,a esperanza e o esquecemento, a aculturación e a identidade.
De composición sinxela -con trazos da poesía tradicional- e cunha linguaxe directa, está estruturado en tres partes:
Corazón de maiola, Pan de raposo e Pedra da serpe. [Presentación editorial]