Moitas xeracións pasaron desde aquel aciago día en que o Froilán, o Santo Vingador, baixou dos ceos para alagar co lume purificador as cidades pecaminosas da Xente Vella. Agora, a vida retornou á terra fértil que se estende desde os Montes Áncaros até o Mar da Fin do Mundo e a semente dunha nova civilización agroma en Cmph’sthulhu, a Cidade dos Sete Círculos. Mais a sombra dun perigo álzase nas marcas distantes e descoñecidas do nordés, e tamén aniña nos corazóns dos cobizosos que se agochan dentro dos muros da urbe.
O Pastor, Rocho, Holifoz e Costenla, catro mutantes acabados de chegar a Cmph’sthulhu, terán que enfrontarse aos máis estraños perigos na que será a aventura da súa vida, na que se cruzarán cos máis variopintos personaxes, como o capitán Xacho-beu, os Sete Bispos Mutantes e outros moitos enxendros nacidos deste novo e delirante mundo. [Presentación editorial]