Puntuación: 1.7/5 (43 votos)
A obra de Suso de Toro acadou este ano o seu meirande recoñecemento ao recibir o Premio Nacional de Narrativa pola novela "Trece badaladas". Editorial Galaxia, atenta á transcendencia que para a literatura galega ten ese feito, volve poñer nas librerías, cun limiar escrito polo autor para esta nova edición, "Parado na tormenta", libro de Suso de Toro no que os lectores poden atopar, acarón dunha reflexión sobre diversos aspectos da cul- tura e a sociedade galegas, as claves da súa obra narrativa.
O pensamento lúcido e sen pexas de Suso de Toro exprésase con contundencia e orixinalidade a través das páxinas de "Parado na tormenta". A tensión da imaxinación creadora amósase nos seus aforismos, a súa visión sobre a tradición literaria galega recóllese nos retratos que fai de autores coma Rosalía de Castro, Otero Pedrayo ou Álvaro Cunqueiro e a súa capacidade crítica reflíctese na análise dalgunhas das cuestións fundamentais da cultura galega, desde a lingua á imaxe de si mesmos que os galegos teñen interiorizada.
O libro é resultado dunha fractura interior: a dun autor que se sitúa entre as necesidades propias da creación literaria e a pretensión de cambiar a realidade. Suso de Toro trata tamén de racionalizar as ideas sobre a literatura, a cultura e a civilización que constitúen a cultura galega tal como chegou a nós. E, como elemento fundamental de "Parado na tormenta", os lectores e lectoras han atopar unha interesante reflexión sobre o papel do escritor na sociedade, a súa proxección e os seus límites. Escrito coa imaxinación e tamén coa lucidez dun dos escritores galegos de maior prestixio.
[presentación editorial]