John é un neno de dez anos que vive en Worcester, unha pequena localidade ao norte de Cidade do Cabo, cunha nai pola que sente un complexo amor-odio, un irmán pequeno e un pai que detesta. Na escola é o primeiro da clase, un alumno modélico; na casa, un pequeno déspota. O medo, a vergonza e o engano que o atormentan en Worcester contrastan coa liberdade e paixón que sente pola granxa familiar, Voëlfontein, e polo veld, a chaira surafricana erma e inhóspita. J. M. Coetzee guía con man sobria e elegante esta viaxe polo seu intenso mundo interior, e fai unha afinada composición do tempo e do lugar que lle tocou vivir na Suráfrica da década dos cincuenta. Infancia é o primeiro dos tres volumes da triloxía de memorias ficticias do Nobel de Literatura, que continuará con Mocidade e Verán. [Presentación editorial]