—Ola!
Chámome Octavio.
Gustaríame traballar no circo do fondo do mar,
pero os meus tentáculos son un estorbo:
non sei que facer con eles!
Estou farto de ser un polbo!
Así de choromicas se nos presenta Octavio, quen lamenta a súa condición de polbo e desexaría ser un golfiño para saltar e facer piruetas ou unha balea para botar chorros de auga coa potencia dunha catarata.
Este pequeno cefalópodo cobiza o que posúen os demais habitantes do fondo mariño e el non ten: a posibilidade de cambiar de cor coma certos peixes ou o afiado nariz dun peixe espada. Pola contra, detesta o que o fai diferente, único e especial: ter oito brazos.
É importante que desde os primeiros anos da infancia, os nenos e as nenas coñezan os roles das persoas que conforman a súa contorna, tanto escolar como familiar (quen é cada un, a que se dedica...).
Isto permitiralles descubrir os coñecementos ou habilidades que son necesarias para cada unha das funcións que realizan. Á vez, tomarán consciencia de que non todas as persoas posúen as mesmas calidades. Con todo, o que nos supón unha limitación para algunhas tarefas, fainos únicos para outras. [Presentación editorial]