Unha mañá,
a gata Benita espertou sobresaltada
ao oír que a señora Xulia chamaba por ela:
—Benita…!
Beeniitaa…!
Beeeniiitaaa…!
Onde estás,
que non escoito o teu cascabel?
Ao escoitar os gritos da señora Xulia, Benita erguese; pero, ao empezar a camiñar, descobre que non soa o clinclín e, consecuentemente, cae na conta de que perdeu o cascabel.
Así comeza esta divertida historia de Pablo Albo, quen nos fai partícipes da procura apresurada do cascabel por parte desta gata pillabana e tenra, que teme quedarse sen sardiñas por mor deste extravío.
Benita volve sobre os seus pasos e o percorrido permite coñecer a outros habitantes da casa supostamente inanimados (o sofá, a escoba, a mesa), pero que neste conto falan e vaia se o fan!, xa que ofrecen información crave para chegar ata o obxecto perdido.
Os diálogos da gata con estes utensilios son moi graciosos, porque desprenden inocencia e tamén certa empatía co lector, ao abordar situacións comúns: Que outra cousa se pode atopar nun sofá máis que algunha moeda ou unhas migas de pan?
Igual de divertido é o xeito en que esta astuta felina recupera o cascabel mergullado na peixeira.
A protagonista desta historia transmite unha mestura de inxenuidade e picaresca tan propia da infancia, con ese compoñente entre trasno e doce, que lle confire moito encanto ao álbum, e sobre todo humor.
ficha da publicación
» Título:
O cascabel da gata
» Escritor/a: Pablo Albo
» Ilustrador: Guridi
» Ed.
OQO,
» Ano: 2013
» Xénero: Infantil-Xuvenil
» CDU: 82-93=134.4
» IBIC: YF - Ficción e historias reais infantís e xuvenís
» Coleccion: Colección O
» Pax: 36
» ISBN: 978-84-9871-447-0