Traducida ao galego polo escritor Juan Tallón, “Festival” é unha obra inédita que ve a luz en galego antes que en calquera outra lingua, por expreso desexo do autor.
O director de cine belga Alec Steryx chega á cidade para presidir o xurado do Festival de Cine Independente. Pero para sorpresa dos organizadores, todos admiradores dunha prodixiosa obra consagrada á ciencia ficción de clase B, o realizador europeo non chega só. Steryx aparece no aeroporto acompañado da súa nai nonaxenaria. Personaxe caracteristicamente aireano, esta vella dominante e caprichosa axiña bate co mundo "cool" que reina no cinema independente, o que provoca unha explosión de contrariedades e absurdos, sinais de identidade da literatura de César Aira. O autor máis prolífico da literatura arxentina proponnos un artefacto no que a patada inicial é só o arranque dun relato no que as digresións do autor, cargadas de fondura ensaística e ironía, novamente abren inesperados camiños que reorganizan o material narrativo sobre a marcha. [Presentación editorial]