Puntuación: 2.1/5 (56 votos)
Un ianqui na corte do Rei Artur é unha das obras máis divertidas e, á vez máis mordaces de Mark Twain. Publicada en 1889, a novela comeza co encontro casual do autor cun turista americano, durante unha visita ao castelo de Warwick, na parte central de Inglaterra. O excéntrico forasteiro, Hank Morgan, que fora mecánico nunha fábrica de armas de Connecticut, narrará a Twain a súa sorprendente historia, recollida nun vello manuscrito.
A raíz do golpe sufrido nunha pelea na fábrica, Morgan perde a consciencia. Cando esperta atópase recostado contra unha árbore, no medio dun prado pertencente ao reino de Camelot, na Inglaterra da Alta Idade Media. O ianqui introduce naquela sociedade medieval os adiantos tecnolóxicos do século XIX: o xornal, o telégrafo, a bicicleta, etc. Co seu apoio intenta mudar as relacións sociais para facelas máis xustas e igualitarias, pero axiña se topará de fronte cos poderes establecidos, baseados en desapiadadas leis, na forza das armas e na superstición. Terá que loitar contra deles para poder salvar a súa propia vida.
Coma noutras obras da súa autoría, Mark Twain critica nesta novela a sociedade do seu tempo,e tamén a explotación, a superstición e a ignorancia.
[Contracapa do libro]