Puntuación: 2.1/5 (62 votos)
A dramaturxia crea o manual de instrucións para o xogo do teatro. A dramaturxia compón as regras básicas do xogo. E nós, neste libro, imos xogar coas instrucións da dramaturxia de Roberto Vidal Bolaño. Un dos pioneiros do teatro profesional galego. Un teatreiro cunha obra en que destaca a fondura ideolóxica e humanista e en que, por riba de todo, destaca unha dimensión lúdica desprexuizada que é, en si mesma e ao longo de toda a súa produción, un canto á liberdade e á vida.
Compre advertir que este libro non é apto para mentes puritanas ou que garden escrupulosamente o decoro do politicamente correcto. Vidal Bolaño emprega nas súas pezas unha linguaxe desenfadada, atrevida e libre de tabús, na que "nada do humano lle é alleo", como dicía Santo Agostiño. Na súa obra entra, abaneado pola peneira artística, o escatolóxico, o irreverente, o herético, o sacrílego, o inconfesable... todo aquilo que lle serve para fornecer revelación e rebeldía no xogo do teatro. Todo aquilo que nos pon en cuestión e alimenta unha mirada emancipada e crítica.
Roberto Vidal Bolaño e o xogo do teatro é un libro especialmente indicado para as profesoras e profesores de Bacharelato, Artes Escénicas, animadoras/es socioculturais e, sobre todo, para a xente nova e para aquelas persoas que decidisen non deixar de crecer nunca.
[Presentación editorial]