VOLUME I da TRILOXÍA DA FRONTEIRA
NATIONAL BOOK AWARD (EEUU), 1992
NATIONAL BOOK CRITICS CIRCLE AWARD (EEUU), 1992
Á morte do seu avó, John Grady Cole ten 16 anos e vive no rancho familiar de San Ángelo (Texas), fundado polos seus devanceiros. Mais a nai de John decide vender a propiedade e que o rapaz vaia vivir con ela á cidade. John Grady non acepta a proposta e convence o seu mellor amigo, Rowlins, para que o acompañe nunha viaxe cara ao sur. Ambos os dous foxen a cabalo na procura da fronteira porque agardan atopar traballo de vaqueiros en México. Polo camiño darán con outro mozo, Jimmy Blevins, que semella escapar de alguén. O encontro marcará o destino da súa viaxe.
“Tantos cabaliños lindos” é unha historia de amizade e lealdade entre dous mozos. Transcorre na fronteira, un lugar xeográfico mais tamén literario; metáfora do desarraigamento, da viaxe, de realidades que cambian en función do lado da liña na que nos atopemos.
Cormac McCarthy está considerado un dos autores norteamericanos máis importantes da literatura actual. “Tantos cabaliños lindos” publicouse por primeira vez nos Estados Unidos en 1992, e deseguida conseguiu a atención do público e da crítica ata converterse nun éxito de vendas. No mesmo ano da súa publicación gañou o National Book Award e o National Book Critics Circle Award nos Estados Unidos. O director Bob Thornton levouna ao cine no 2000. [Presentación editorial]