—Vaia, ho! Caramuxo botou un foguete!
—Non son Caramuxo. Son Carabuñas,
o que nunca corta as uñas!
-contestou o bruxo, rabioso.
—Non me veñas con contos. Ti es Caramuxo!
—Dígoche que non. Son Carabuñas!
Aínda que resulte sorprendente, estamos ante o inicio dunha grande amizade: entre un bruxo que caza nenos para a súa despensa e a que ía ser a súa próxima vítima. Con todo, a intelixencia da pequena Branca evitará que Carabuñas a engula. Ademais, propiciará que a vida deste personaxe que nunca cortaba as uñas, dea un xiro de 180 graos.
Branca é astuta como un raposo e lista como un moucho. Carabuñas, carente destas dúas calidades, é presa fácil para o xogo de confusión que inicia a nena cando, unha noite, o bruxo entra no seu cuarto para comela. [Presentación editorial]