Puntuación: 1.9/5 (40 votos)
Co álbum Diona, OQO editora amplía a súa colección Qontextos e dá mostras, unha vez máis, do seu compromiso con temas sociais pouco habituais na literatura infantil. Neste caso, aborda un trastorno do comportamento, a síndrome de Dióxenes, que padece un 3% da poboación maior de 65 anos.
Esta alteración psiquiátrica afecta, polo xeral, a persoas de avanzada idade que viven soas. Caracterízase polo abandono persoal e social, así como polo illamento voluntario no propio fogar e a acumulación de grandes cantidades de obxectos, lixo e desperdicios domésticos. Un dos factores máis importantes no crecemento do número de casos, é o progresivo aumento de anciáns que viven sos.
Juan Senís aclara que a historia non naceu co único propósito de alertar sobre esta síndrome, senón que, en realidade, a enfermidade foi unha escusa para falar do tema máis importante do álbum: a inocencia. Ou, dito doutro xeito, “a forma en que os nenos poden contemplar cunha mirada limpa, e libre de condena, certas condutas que os adultos catalogan como anómalas”.
O pequeno protagonista é capaz de tomarse dun xeito lúdico e festivo o costume de Diona de encher a súa casa de cousas, sen sospeitar que este comportamento é síntoma dunha enfermidade mental.
[Presentación editorial]