Puntuación: 2.2/5 (66 votos)
Robert Langdon, profesor de Harvard de viaxe académica en París, recibe unha chamada urxente en plena noite: o ancián conservador do Louvre, Jacques Saunière, acaba de ser brutalmente asasinado no interior do museo. A carón do cadáver a policía encontra unha serie de desconcertantes símbolos. Conforme Langdon e a recoñecida criptóloga francesa Sophie Neveu empezan a resolver os estraños enigmas, descobren con abraio que o fío con que deron conduce ás obras de Leonardo da Vinci... e insinúa a resposta a un misterio que se afunde nas profundidades da historia.
Langdon sospeita que o conservador asasinado estaba relacionado co Priorado de Sión, unha sociedade secreta cuxa orixe se remonta a varios séculos, e que morreu sacrificando a vida para protexer o segredo máis celosamente custodiado do Priorado: o paradoiro dunha importantísima reliquia que leva oculta centos de anos. Mais parece que o Opus Dei, a seita que desde tempos inmemoriais leva conspirando para se facer co segredo do Priorado, tamén moveu ficha. Se Langdon e Neveu non dan descifrado o arcano código para completar sen demora o crebacabezas que teñen ante si, o segredo do Priorado —e con el unha verdade histórica de consecuencias demoledoras— perderase para sempre...
Rompendo o molde da novela de suspense tradicional, O Código Da Vinci combina un ritmo vivo, unha prosa intelixente e unha intricada trama en que se entrecruzan os fíos da investigación e o detalle histórico. Desde as primeiras páxinas ata a impredicible e abraiante conclusión, Dan Brown demostra ser todo un mestre da narrativa.
[contracapa do libro]