Nicolás Traseira pasará á historia da literatura galega. El é o principal protagonista de Pallarega, unha novela que mestura os ingredientes das grandes obras cunha asombrosa naturalidade. Personaxes heteroxéneos e matizables van aparecendo en escenarios diversos e propiciando, con frecuencia, situacións inesquecibles. A ironía, o humor, a intriga e unha ben medida sensibilidade, intercálanse ó longo deste relato que principia nun lugar da montaña luguesa durante os anos previos á contenda civil. Nicolás ábrese ó mundo en Madrid, onde coñece a España franquista e as liortas internas do réxime. Esas mesmas leas fano regresar. Aínda sen necesidade que o apreme, emigra a La Habana onde experimenta en carne propia un cóctel de traballo duro, diversión sen freo e a corrupción dun goberno vendido ás mafias gringas. Novamente debe retornar. O microcosmos endogámico e clerical que atopa na súa vila fai que tampouco non acougue nela... [Presentación editorial]