Vinte anos despois da súa publicación, “A illa das mulleres loucas”, de Alfonso Pexegueiro, volve ao lector para facer da literatura realidade na que se mesturan o mítico, o real e o imaxinario. Cunha linguaxe configurada por sons, imaxes e voces, este libro tamén relata unha historia de amor e morte. O espacio mítico dunha illa serve ao autor para iniciar unha pescuda que o ha levar, a través dunha voz marcadamente feminina, a baleirar de sentido as trampas da existencia.
O libro de Pexegueiro é a expresión dunha nova forma de poesía que provén e se dirixe ao inconsciente, poesía que nos sacode e desacouga pero que tamén nos ofrece refuxio. En “A illa das mulleres loucas” as fronteiras entre pasado, presente e futuro unifícanse e esvaécense. Amósase neste libro unha nova dimensión do tempo, a da liberdade da palabra. [presentación editorial]