Puntuación: 1.8/5 (39 votos)
Francisco Castro é un dos narradores galegos que comezaron a publicar co inicio do século XXI. “Xeración perdida”, a novela que Editorial Galaxia inclúe agora na colección Literaria, conta a historia dun grupo de amigos e das súas vidas abocadas á droga. Enraizada na Galicia urbana, nun dos barrios da cidade de Vigo, nela exprésase a voz dos que medraron coa Guerra das Galaxias, vendo “Starsky e Hutch” e Barrio Sésamo na televisión.
A narrativa de Francisco Castro destaca entre os novos escritores galegos pola súa orixinalidade á hora de abordar xéneros tan diferentes coma o relato histórico ou a literatura erótica. Con “Xeración perdida”, Editorial Galaxia dá entrada no seu catálogo ás novas voces da recente narrativa galega. Novos pulos, outro xeito de entender o mundo, outra maneira de contar. Con ela, a novela chega a novos territorios, a cultura urbana é protagonista, a vida nos barrios, o mundo dos institutos e, tamén, o da droga.
“Xeración perdida” conta a historia de Ricardo, un «camello'. que quere abandonar o mundo da droga, pero tamén a historia da súa xeración: a xente do seu barrio e do seu tempo. A xente que tiña pouco máis de dez anos cando Franco morreu, cando os Bee Gees campaban nas radios. Cativos que medraron diante da televisión. É a historia de como caeron na droga, a historia de como intentaron sobrevivir. Tamén a dos que quedaron no camiño. Escrita nun ton irónico que logra conservar todo o poder evocador da boa narrativa, a novela ten unha prosa de ritmo áxil, cun narrador en primeira persoa que se dirixe de maneira directa ao lector, logrando a súa complicidade.
[presentación editorial]