O home do crebacabezas sentaba diante do crebacabezas
e cambiaba algunha peza de sitio,
engadía ou eliminaba outras…
Xogaba coa vida do pobo todo.
Transformaba alegrías en penas,
penas en condenas.
Con esta formulación inquietante, os irmáns Txabi e Manu Arnal Gil mergúllannos na realidade asfixiante dun pobo atemorizado, cuxos habitantes están a expensas do capricho do home do crebacabezas, un ser tirano e mesquiño que endurece o seu corazón almorzando a diario unha cunca de café cunha cullerada de fel.
O crebacabezas convértese nunha apropiada figura simbólica coa que representar o despotismo absoluto ao que está sometido o pobo (as pezas). Os habitantes do lugar son criaturas desvalidas. Os seus designios están manexados ao antollo dun ser superior, amo e señor das súas vidas, que conta con total impunidade.
Todos tiñan medo do home do crebacabezas. Ninguén levantaba a voz contra o señor. Dunha vez, a señora Lucía protestou e do tellado saltoulle unha tella. A pobre muller chegou ao camposanto enriba dunha burra vella.
Para dar vida a este ser ruín e trasladar a imaxes o desasosego vital dun pobo sometido e atemorizado, as ilustracións de Roger Olmos non podían ser máis acertadas, a pesar da escasa información de partida da que dispuxo: non contaba con ningunha descrición física do personaxe. [Presentación editorial]