Puntuación: 2.1/5 (47 votos)
RIC-RIC-RIC!...
Aquel ruído non paraba, e a señora Ramona colleu medo..
–Ramón...! Esperta, home!
O señor Ramón, por fin, abriu os ollos.
–Que foi?
–Anda alguén na cociña, Ramón!
Os dous levántanse da cama e camiñan cara á cociña. O son aumenta á vez que os seus medos, o que provoca que a súa imaxinación se dispare: Será un gato xigante? un crocodilo? unha serpe? ou quizais... un elefante?
“¿Quen non tivo medo algunha vez? Todos pasamos por este estado de angustia”, argumenta Beatriz Montero para xustificar o comportamento desconcertante dos seus protagonistas, cuxa idade fai prever unha reacción menos insegura e máis serena.
Por iso é polo que resulta tan entrañable esta historia de dous avós asustadizos e das súas disparatadas –por improbables– hipóteses. Precisamente, o temor, que non ocultan, fainos máis próximos aos pequenos, xa que comproban que comparten máis cousas cos adultos do que parece: o medo ao descoñecido (á noite, aos ruídos estraños...) é inherente á condición humana e, xa que logo, non é algo do que deban avergoñarse.
Non só iso, senón que é necesario que o medo estea presente no seu proceso de aprendizaxe, xa que lles axudará a facer fronte a situacións de risco. No entanto, os nenos non deben estar sobreexpostos, xa que pode xerar ansiedade e problemas de autoestima. Por iso, O señor Ramón e a señora Ramona expón e resolve o conflito dun xeito divertido.
`Presentación editorial]