E outros textos sobre autogoberno e financiamento autonómico
Un libro do deputado e profesor de Económicas Xoaquín Fernández Leiceaga que ten intención de ser, en primeiro lugar, unha crónica do interregno progresista nun longo ciclo de dominio conservador en Galicia. Interregno caracterizado pola colaboración entre as grandes forzas políticas progresistas (PSdeG-PSOE e BNG), que efectúan un esforzo, insuficiente pero real, de aproximación de posicións para facer posible un goberno. Un compromiso semellante ao que noutros territorios permitiu as profundas reformas de diversos estatutos de autonomía así como a formulación dun novo modelo de financiamento autonómico. A crónica formúlase desde unha perspectiva precisa: a da reforma do Estatuto de Autonomía de Galicia e o seu fracaso; e desde unha posición: a defensa do autogoberno de Galicia.
O autor texto revisa o proceso de descentralización español dos últimos trinta anos para concluír que foi un éxito á hora de integrar identidades plurais e de mellorar a eficiencia do conxunto do sistema, mais non esquece clarexar as contradicións que padece. Desde dentro, relátase o fracaso da reforma estatutaria en Galicia, explicando o longo e complexo proceso que o situou ás portas do éxito. Na segunda parte do libro abórdase a revisión do modelo de financiamento autonómico, que concluirá no ano 2009, desde os seus inicios, avaliando as propostas implícitas na proposta de Estatuto catalán e as cuestións derivadas da súa aprobación e das reformas paralelas emprendidas noutras comunidades autónomas. A novidade é intensa e desasosegante, por canto mediante normas estatutarias non sempre coincidentes se cobre un oco constitucional, o da inexistencia de criterios que regulen o modelo de financiamento das autonomías. [Presentación editorial]