CAMIÑANDO foi no seu tempo unha obra que incitou profunda e duramente aos concidadáns de Henry David Thoreau a tomarse en serio a realidade natural da existencia humana. Abeirado en Concord, Nova Inglaterra, entre os bosques inmensos que o cercaban, rodeado dos Transcendentalistas -entre os que se contaban Emerson, Nathaniel Hawthorne, e outr@s- Thoreau encontraba no sortilexio do «salvaxe» a maior ledicia, o gozo pleno. Por iso mesmo durante dous anos, nunha finquiña de Waldo Emerson, se retirou a vivir só, no medio dos montes, sen precisar nada máis que aquilo que o facía a el inxel, relembrándose en todo momento de si mesmo. «Non quero nada que non me faga vivir pleno o resto dos meus días, non quero chegar a vello decatándome de que non vivín»; máis ou menos así dicía Thoreau cando tivo aquela ocorrencia de retirarse ao interior da natureza. «Camiñando» é un testemuño, ou incluso un testamento, de quen deixa claro que «Todas as cousas boas son libres e salvaxes». Un testamento de quen se dá conta de que vivir unha vida de obrigas sen fundamento (e só consistentes en acordos ditaminados por unha sociedade neglixente na que un/ha xa non cre) non é vida. E que a vida verdadeira acontece para aquel, para aquela que se entrega á brétema fascinante do ceibo. [Presentación editorial]