–Que pasaría se foses un gato?
–Se eu fose un gato…
A resposta á pregunta coa que dá comezo o relato de Paloma Sánchez Ibarzábal abre un abano de divertidas posibilidades que dan orixe a este gracioso álbum (e ao seu título).
En moitos contos, os protagonistas son animais antropomórficos: compórtanse, visten e actúan coma se fosen seres humanos. Con todo, neste conto invértese a situación e colócase a unha persoa alén do espello.
Tampouco neste caso a transformación é produto dun feitizo, tal e como sucede en múltiples contos nos que os protagonistas son príncipes ou princesas convertidos en ras, cervos, cisnes...
Se eu fose un gato é unha proposta divertida, a modo de xogo, que permite tomar conciencia da realidade (vivencias, emocións, necesidades...) do outro co obxectivo último de entendelo mellor. “Ponte no meu lugar”, adoitamos apelar para facilitar a comprensión das nosas decisións ou comportamentos. Non hai dúbida de que o mellor xeito de coñecer o outro é a través do que comunmente –e de modo figurado– chamamos “pórse na súa pel”. A miúdo reprobamos cun “eu non o faría”, crendo erroneamente que o que está (ou non) ben para nós, o está indiscutiblemente para os demais.
O relato de Paloma Sánchez Ibarzábal recórdanos que non a todos nos divirte o mesmo e advírtenos da posible inxustiza que podemos estar cometendo cando o damos por feito. Así, se fósemos un gato non nos gustaría que nos puxesen lazos para demostrarnos canto nos queren; prefeririamos que nos fixesen cóxegas na barriga!
De igual modo, coñecer e aceptar as diferenzas do outro nos fai máis tolerantes cara aos comportamentos afastados dos nosos: como buscar no lixo –e non nunha tenda– o mellor agasallo para a nosa mellor amiga ou preferir perseguir ratos a ir ao cine, teatro ou circo.
Ao mesmo tempo, este relato revélanos que aquilo que fai distinto ao outro pode ser toda unha virtude ou vantaxe que todos desexariamos.
Así, un gato non ten medo á noite (e podería cazar todas as nosas pantasmas) e é un dos animais máis fieis: Se eu fose un gato, non poderiamos ir xuntos ao colexio por moito que ti chorases. Nada máis poñer unha pata na clase, botaríanme fóra... (Pero sempre te esperaría xunto á porta).
En todo caso, os verdadeiros afectos están por riba de gustos, hábitos ou preferencias culinarias: Se eu fose un gato, hai unha cousa que non cambiaría: Sempre sería o teu amigo!
As ilustracións de Anna Llenas reforzan o carácter divertido e entrañable do relato con personaxes graciosos e tenros. Moitos deles non aparecen no relato textual de Paloma Sánchez Ibarzábal, como o pícaro e inseparable rato, cos que se acrecenta o ton divertido e afectivo da historia coa que a ilustradora se identificou desde un principio: “Cando me encargaron o proxecto púxenme moi contenta. Por uns días podereime pór na pel dos meus gatiños”.
Ao comezo dun traballo, a esta artista gústalle familiarizarse cos personaxes, poñéndoos en diferentes situacións e “compromisos”, os que suxire o texto e outros novos... “é un xeito de abordar e de me pór no sitio do personaxe”, aclara. Neste caso, este estudo de situacións pódese comprobar nas gardas do libro.
A técnica empregada foi a da colaxe con papeis e cartóns pintados previamente en acrílico. Deste xeito, incorpora volume ao debuxo plano co obxecto de que se perciba o rústico do material. Para este traballo, aproveitou recortes de caixas de transporte, de cereais, envoltorios... para compor a ilustración tipo diorama ou escenario teatral.
O resultado é unha colaxe moi volumétrica na que se percibe o grosor, os detalles e a textura do material empregado como base. En cambio, as escenas teñen fondos simples, nada recargados, “que deixan espazo aberto a que o lector entre, mova, toque e complete a historia coa súa propia imaxinación”, conclúe a artista. [Presentación editorial]