Puntuación: 1.8/5 (48 votos)
O carteiro subiu, subiu, subiu pola escaleira..
Chamou á porta:
Din-don! Din-don!
Non había ninguén.
Deixou a carta no chan…
… e baixou, baixou, baixou pola escaleira.
Esta acción repítena, co mesmo resultado infrutuoso, o zapateiro, o xardineiro e o panadeiro. Deste xeito, enriba da carta depositada ante a porta do cuarto piso acaban acumulándose un par de zapatos, un ramo de flores e unha barra de pan ata que entra en escena unha nena resolta.
Do mesmo xeito que o resto de personaxes, a pequena sobe pola xa coñecida –para o lector– escaleira ata o tamén consabido cuarto piso. Unha vez alí, o relato dá un xiro inesperado, grazas á espontaneidade e picardía da pequena que resolve con graza e de inmediato toda a trama.
A escaleira é un conto orixinal de Beatriz Montero que recrea a adquisición da linguaxe nos nenos de pouca idade. Cada chanzo é unha pequena conquista da súa mente. O carteiro, o zapateiro, o xardineiro e o panadeiro soben a escaleira e van deixando os nomes dos seus oficios e algúns obxectos ante a porta. Deste xeito, aprenden aos poucos novas palabras e conceptos. “Non entenden todas as palabras que escoitan, pero a repetición axúdalles a gravalas na súa memoria”, subliña a escritora.
Con este conto, Beatriz Montero pretende espertar as capacidades intelectuais dos máis pequenos. Por iso, ten unha estrutura sinxela e repetitiva que facilita a memorización e o xogo de interacción cos nenos. “Subir e baixar a escaleira dota o conto dun movemento divertido, por onde pasan personaxes con diferentes oficios”.
[Presentación editorial]