Se o Sol morrese de súpeto non nos dariamos conta de nada até que pasasen oito minutos, xa que ese é o tempo que tardan os seus raios en chegar á Terra. Os dous personaxes desta novela curta —dous vellos: un home e unha muller— realizan os seus exercicios de preparación para a morte, que teñen como centro non a morte, senón o amor: a única cousa que sobrevive e pode sobrevivir á lenta decadencia do corpo e do espírito, á descomposición da carne. Nunha linguaxe que alterna entre as crúas descricións que retratan o fracaso do corpo, a aguda introspección no proceso de gradual baleirado da mente e a poética lucidez que acompaña as inmersións no subconsciente, Péter Farkas achéganos en 35 imaxes que se iluminan e escurecen lentamente ás vidas cotiás dos dous vellos, vidas rexidas por leis propias, á marxe do tempo e do espazo determinables e medibles cos instrumentos comúns. [Contracapa do libro]