Hai máis de trinta anos, Adela Turín comezou a publicar en Italia a colección «Dalla parte delle bambine», que ao pouco tempo foi editada en España por Esther Tusquets, co título «A favor de las niñas». Converteuse nunha serie de referencia
para a coeducación e a igualdade, e foi traducida a varias linguas. A pesar do tempo transcorrido, na actualidade estes libros teñen plena vixencia e seguen sendo necesarios.
O afecto e a ilusión que caracterizan o inicio da relación entre Artur e Clementina, acaban converténdose en monotonía e prisión. Clementina non se sinte realizada, libre e feliz; a súa parella subestima as súas cualidades e ridiculiza
as súas aspiracións. En vez de ofrecerlle comprensión e respecto, a actitude de Artur anula a súa personalidade e xenéralle unha dinámica de dependencia, ao sobrecargala de obxectos materiais que non satisfán a súa ansia de desenvolvemento persoal.
Unha historia fabulada que -como “Rosa Caramelo” e outros títulos da publicación- pretende reivindicar o rol feminino na sociedade, erradicar os estereotipos sexistas e a discriminación, para cambiar mentalidades e construír un mundo mellor. [Presentación editorial]