“O principio” reflicte a tenrura fronte ao horror, a imaxinación ante a máis absoluta precariedade, a fortaleza ante o drama humano. Paula Carballeira é quen de poetizar sobre os efectos crueis e devastadores dunha guerra mentres as ilustracións
hiperrealistas de Sonja Danowski trasladan os lectores ata as mesmas ruínas dos bombardeos.
Esta obra sensible e tenra é tamén unha homenaxe ao libro como ferramenta pacífica, ás bibliotecas como faros luminosos de sabedoría que se apagan alí onde se instaura a violencia, á palabra oral como alimento da alma. Malia todo, “O principio” transmite unha mensaxe de esperanza: a vida continúa, a risa flúe contaxiosa, os nenos non poden deixar de vivir a súa infancia aínda que un conflito bélico queira arrebatarlla. [Presentación editorial]