Ata a aparición desta Poesía completa, Valentín Paz-Andrade (1898-1987) era o autor de tres poemarios e mais dun pequeno monllo de composicións. Daquela, a idea que prevaleceu ata hoxe é que a escrita poética era para Paz-Andrade un acto de evasión ou divertimento dunha persoa laboriosa e inqueda ocupada noutros labores ou vocacións fecundas, como a da avogacía e a dos negocios. Coa aparición desta edición da súa Poesía completa, que fai pública unha abundante e descoñecida obra poética inédita, a figura literaria de Valentín Paz-Andrade cobra unha nova dimensión. Inclúense neste volume, ademais da totalidade dos textos xa coñecidos, unha copiosísima obra inédita que o autor foi construíndo, con empeño e inspiración, durante case corenta anos ininterrompidos de labor poético. Entre esta obra destacan, pola súa transcendencia dentro do sistema literario galego, varios poemarios completos que escribiu durante os anos da Guerra Civil española. [Presentación editorial]